IMG 20180714 WA0000

Terapias non convencionais e pseudoterapias

Texto en castellano

O 15 de xaneiro pasado enviei as miñas alegacións ao proxecto de Real Decreto polo que se regulan as pseudoterapias. Con todo o respecto que me merecen os distintos enfoques para atender a saúde, impórtame tamén, por unha parte, o dereito das persoas a actuarmos consonte o que sentimos –no eido da saúde ou en calquera outro– e asumirmos a nosa propia responsabilidade respecto do noso ser; por outra, apelei a uns principios elementais para a convivencia, centrados na equidade institucional fronte as distintas opinións ou correntes e na necesidade de que, á hora de promulgar calquera norma, expresen a súa opinión os distintos axentes representativos no eido do que se trate.

Entre outros asuntos, incidía en que o xuízo desde o que apareza o Real Decreto pode ter un meirande fundamento se o redactan persoas con formación e experienca no ámbito convencional e no non convencional, mentres que o criterio de mulleres ou homes que soamente coñezan un deles van ter a súa visión claramente distorsionada, e non por mala fe, senón por simple ignorancia, contraria ao espírito científico, que tamén se basea no interese por aquilo que creba as normas e vai máis alá do loxicamente comprensible.

Como usuario de terapias non convencionais desde hai moito tempo, e máis ca satisfeito co experimentado, o propio título do Real Decreto paréceme demasiado limitante, canto á apertura a posibilidades fóra do convencional. Creo que pseudoterapia pode haber tanto en prácticas supersticiosas malintencionadas coma en consultas nas que se administran medicacións dun xeito automático, ou se manteñen sen cuestionamento hábitos nocivos, polo simple feito de que están asentados na sociedade ou na práctica terapéutica, malia ninguén os cuestionar suficientemente.

Creo que un Real Decreto axustado á realidade dos distintos enfoques das terapias, e respectuoso con cada un deles, non soamente beneficia a saúde colectiva, senón que tamén beneficia o desenvolvemento humano da nosa sociedade, en todos os aspectos.