Praia Carreirón


Consideracións nacionalistas

O sucedido nas eleccións andaluzas do 2 de decembro creo que invita a unha reflexión profunda do que está a suceder no eido político. Á parte da operatividade do modelo de convivencia vixente, existen outros factores moi importantes para avaliar a evolución que se rexistra nos sistemas democráticos do mundo occidental, con resultados moi pouco desexables, polo menos desde unha perspectiva integradora e á procura de chanzos para liberar colectivamente o ser humano. 

Dito rapidamente, creo que desde a sociedade galega –do mesmo xeito ca a europea ou a americana– sentimos unha necesidade imperiosa de contar con gobernos centrados nos avances da cidadanía no seu conxunto, bastante máis alá de que as alternancias que se produzan beneficien unha parte e releguen as restantes, ás veces sobre a base de prexuízos, e outras, de simples conveniencias persoais, de grupos de presión, de poderes na sombra, etc.

Dentro disto, entendo que, no que levamos de democracia en Galicia e no Estado, aínda non se deu un auténtico compromiso, ou tan sequera unha proposta de actuar nese eido, con consecuencias moi graves para os intereses cidadáns: as liberdades proclamadas no sistema xurídico vense cernadas por servilismos, submisións e estraños comercios de favores, que obstaculizan o desenvolvemento dunha sociedade verdadeiramente libre. 

A Constitución procede, evidentemente, dunha ditadura, con dolorosísimos episodios de sangue e de arbitrariedade; pero constitúe arestora unha base comunmente aceptada para realizarmos os cambios estruturais necesarios cara a unha nova etapa con meirandes oportunidades para gañarmos en calidade de convivencia.  

Tamén para achegarmos, desde a nosa nación, desde o Estado e desde as estruturas europeas, o que nos corresponde na dinámica dun mundo globalizado, no que vemos triunfar cada vez con meirande claridade opcións contrarias ao respecto polo ser humano e pola diversidade como fonte enriquecedora; que ofreza un sistema solidario para igualar as oportunidades e para que cada muller e cada home se encontren nun ámbito suficientemente acolledor para que sintan confianza no planeta que nos abeira. 

Creo que se comparamos a fiabilidade que nos ofrece o actual marco xurídico para realizarmos un proxecto novo, fronte ao uso que del fixeron ata este momento todas as organizacións políticas que acadaron o poder, o primeiro resulta moito máis asumible ca o segundo, e que, na percepción colectiva, resulta moito máis evidente que a práctica executiva lastrou unha lexislación moi avanzada ca a idea de que ese marco xurídico en ningún momento atrancase en por si as posibilidades de mellora ofrecidas polas distintas correntes ideolóxicas que circulan no eido político inmediato e mediato. 

Lonxe de se tratar dun documento definitivo, a actual constitución podemos vela como unha base con recursos para transformar as dinámicas que relacionan a cidadanía co poder. Máis ca dun froito perfecto, trátase dun punto de encontro, onde cabe unha pluralidade importante de criterios, ou un mínimo para nos facermos ouvir todas as voces, en prol das modificacións necesarias. 

Entendo que o problema que percibimos desde a cidadanía ten outra natureza. Tanto en Galicia coma no Estado, botamos en falta con moita claridade un compromiso consciente da clase política cando asume o poder: por unha parte, que a lexislación promulgada responda aos intereses dos pobos e das sociedades, e que os intereses mercantís se desenvolvan consonte uns parámetros solidarios, para crearmos un modelo de crecemento útil e en simbiose coa cidadanía. Algo que ofrece mellores perspectivas de rendibilidade, como demostra o nivel económico de países que confían nos seus poderes públicos, fronte a aqueloutros nos que a sociedade percibe unha xebra entre as súas necesidades e as conveniencias de quen contan coa responsabilidade da xestión institucional. 

Tamén botamos en falta unha Administración que diferencie covenientemente o eido político do técnico; que os órganos máis elevados da estrutura funcionarial conten con liberdade abonda como para exerceren o seu labor desde un compromiso de servizo á cidadanía. Por suposto, cos controis necesarios para que respondan á súa función, antes ca se converteren nun poder alleo ás canles democráticas. 

Un exemplo da disfunción vémolo en que, des que existe un goberno propio na nosa nación, os postos de meirande responsabilidade neses órganos administrativos que vencellan a estrutura laboral coa política veñen nomeándose case exclusivamente fóra dunhas garantías de equidade e de respecto pola capacidade das persoas aspirantes: en moi poucos casos se abre sequera o procedemento previsto para os cubrir, que adoita pórse en marcha, como un simple trámite formalista, no momento en que os estamentos políticos contan cunha candidatura axeitada á súa conveniencia. 

Isto deriva en que as responsabilidades técnicas quedan nas mans de persoas que deben favores; ocupan postos obxecto de mercadeos de vontades, e acabamos en resultados tan claros e coñecidos coma o de que a mina de Corcoesto contase con informes técnicos favorables, por citarmos un caso coñecido e significativo do funcionamento. Outros, menos visibles, pero de efectos excesivamente nocivos, pasan por contratacións viciadas –exclusións arbitrarias; tolerancias selectivas respecto dos criterios establecidos–, informes que se eternizan e paralizan dereitos ou atención de necesidades, etc. 

Se a cobertura e a remoción1 obedecen a unha discrecionalidade absoluta, sen sequera unha resolución motivada para cada caso, soamente resulta esperable que os órganos técnicos actúen como comparsas ou monicreques dunha política demasiado afastada da súa función vertebradora da sociedade. Corrupción, despotismo e abusos acubíllanse neste funcionamento anómalo, onde a estrutura normativa ten pouco que resolver: todo comeza nunha cuestión de consciencia, de compromiso e de responsabilidade desde os cargos electos. 

Nisto considero imprescindible, no que atinxe ás organizacións políticas, que ofrezamos unha vía clara de limpeza e de transparencia. A honestidade e a fiabilidade carecen de filiación e, neste momento, dubido que ninguén poida presumir de demasiados logros, no que atinxe ao exercicio dunha xestión que saiba discernir entre o político e o técnico. 

Imputarlle a calquera parte concreta esta eiva non soamente me parece abusivo, senón que traslada á cidadanía unha mensaxe desalentadora: que esteamos contra o despotismo exclusivamente dun partido concreto tradúcese en que queremos o mecanismo despótico para os nosos propios intereses, cando o ideal parece ofrecer unha vía para o superar en calquera organización que aspire a gobernar. Só existen uns intereses sans: os da sociedade no seu conxunto. 

O que estamos vivindo agora parece doado ver que conduce a unha frustración cidadá, de xeito que as persoas se afastan dos partidos convencionais, e prodúcese unha osmose cara a propostas individualistas, que redundan en prexuízos colectivos, polas friccións que xeran no medio prazo. Quen percibe que as organizacións políticas centran os seus obxectivos en intereses individualistas, pode sentir certa lexitimidade en utilizar o seu voto nun senso parecido, ou, simplemente, considerar que non hai onde escoller. 

Respecto da distribución territorial do actual Estado, creo que existen fórmulas que permiten reconsiderala e levala a niveis máis elevados de soberanía. Pero tamén entendo que, nun mundo cada vez máis globalizado, e con forzas económicas, políticas e sociais que fan progresivamente máis permeables as fronteiras, a transición para o novo modelo cómprenos realizala dun xeito que manteña a cohesión e a forza conxunta das estruturas nas que nos achamos hogano. Unha Europa ou unha Iberia composta por unha infinidade de pequenos estados independentes e pouco coordinados resultaría presa excesivamente doada para potencias claramente agresivas, no plano ideolóxico, comercial, etc., como EEUU, Rusia ou a emerxente China, por non falarmos de entes non estatais que se asentan sobre o control da enerxía, da alimentación, da auga, da saúde, da tecnoloxía, do sistema monetario ou da información. 

Cabe, no entanto, un proxecto con vocación de autogoberno real; con peso específico propio nas organizacións supranacionais e con opinión nas políticas que estas desenvolvan. Pero, para o acadarmos, creo que nos convén superar algunha limitación innecesaria, aceptada ata agora con absoluta tranquilidade, pero que lastra na práctica a operatividade e, amais, crea tensións absurdas cando algún territorio reivindica o dereito a se gobernar en por si. 

Refírome concretamente á distinción establecida nos artigos 149 e 153 da Constitución española, e a xebra entre nacionalidades históricas e o resto das comundiades autónomas: isto constrinxe a unha perspectiva simplemente cronolóxica o dereito de autogoberno, e leva a ignorar excesivamente as bases prácticas da realidade actual para avanzarmos nese camiño. Curiosamente, todo o nacionalismo acepta esta perspectiva, e somete a ela o substancial do seu discurso, sen se decatar –para o meu xuízo, claro– de que isto si está determinado por unha perspectiva centralista e patriarcal verbo dos pobos afectados pola chamada Carta Magna. 

Paréceme moi claro que o xeito en que se conformaron as fronteiras no planeta obedece a pactos matrimoniais, episodios bélicos terribles, reparticións sucesorias, sometemento de pobos e de sociedades, traizóns, asasinatos, conspiracións, intrigas pacegas, etc. Antes de 1789, resulta absurdo falarmos de vontade popular, dado que a masa humana ou vulgo soamente constituía un ben, respecto do que non se dilucidaban outras cuestións ca o dereito de propiedade sobre el. Nin sequera os movementos rebeldes incontrolados tiñan un carácter de liberación colectiva, senón de loita contra abusos concretos, coma as levas de Olivares ou as desavinzas políticas entre a coroa e a nobreza sublevada. 

Visto o anterior, creo que a necesidade de se expresaren os pobos na súa identidade responde moito máis a criterios prácticos do presente ca a ningún imperativo ético da historia. Non soamente precisamos a liberdade xeográfica, senón tamén a temporal, respecto do que fixesen as persoas que nos precederon. Cousa que considero compatible con mantermos os trazos de identidade que nos dan cohesión colectiva.  

En calquera caso, os comportamentos heroicos ou covardes do pasado en absoluto condicionan a realidade actual. Resultaría absurdo que algunha das comunidades autónomas de hoxe vexa a conveniencia de autogobernarse, e deba iniciar para o lograr un episodio bélico ou algo parecido, para materializar tal devezo. 

A Cantabria, a Extremadura, a Valencia, e non digamos ás Canarias ou ás Baleares, pode interesarlles xestionar directamente o seu destino co seu propio criterio, de xeito que a tutela estatal troque nunha coordinación establecida polas partes. Na práctica, significa unha perspectiva propia respecto das súas infraestruturas; unha negociación supraterritorial para establecer servizos coordinados, etc. Os intereses en materia portuaria, por exemplo, resultan moi diferentes entre Cantabria e Baleares, e Extremadura ou Castela quizabes só os teñan dun xeito indirecto e xestionables en negociacións en pé de igualdade, no canto de rexidas polos intereses xerais do Estado, determinados por axentes políticos externos. 

O xeito en que o nacionalismo está a desenvolver as súas arelas pode crear tensións innecesarias, que derivan, por unha parte, de ignorar que, se houbo un poder opresor centralista, afectou a totalidade do territorio no que se asentou ou asenta. Coa fórmula actual de falarmos dun Estado opresor mesturamos pobos que sufriron o mesmo ca os restantes con prácticas claramente abusivas, das que resultaron prexuízos en calquera punto ao que nos refiramos. 

As Leyes fundamentales del Reino, vixentes ata 1978, actuaban para todos os territorios. A lexislación derivada delas en materia, por exemplo, conxugal –muller totalmente sometida ao marido; atenuante de crime paixonal, etc.funcionaba o mesmo en Madrid ca en Chantada ou Sabadell, igual ca os incribles atrancos dunha persoa empregada para denunciar á empregadora, se esta cometía contra aquela actos delituosos, por non citarmos disposicións contrarias ás liberdades públicas, ao respecto polas ideoloxías ou crenzas, etc. 

Se imos á historia, veremos o sucedido no cerco de Madrid ante as tropas sublevadas en 1936; o episodio dos Comuneros de Castilla, a revolución de 1934 en Asturias, o feito de que a reivindicación identitaria dos pobos comezase en La Montaña –actualmente Cantabria– ou outros momentos en que o poder se viu cuestionado en puntos concretos da xeografía, e fóra das nacionalidades admitidas como históricas. 

Aceptar a discriminación constitucional actual, e mesturar a práctica política despótica desde a unión de Castela e Aragón cos intereses doutros pobos e doutras masas humanas paréceme que soamente conduce ás importantes tensións que vivimos no presente2; ofrecer unha saída conxunta para superar o modelo, e recoñecer como iguais os restantes territorios, pode fornecernos unha vía pacífica para lograrmos os nosos obxectivos, e para instaurar un novo equilibrio, de meirande responsabilidade de cada parte respecto de si mesma e do colectivo. 

Outras vantaxes poden atoparse na supresión de órganos inoperantes ou redundantesSenado, deputacións–; en que os estados federados mellor configurados poidan avanzar a un ritmo máis rápido e servir de modelo para se transformaren os restantes, etc. 

Con estas bases –ou outras– podemos deseñar unha proposta que, por unha parte, defina claramente o modelo que desexamos, cos seus contidos e obxectivos, máis alá dun simple desexo que, unha vez acadado, comece a esbozar o seu propio funcionamento. A distribución territorial do poder, ou o réxime elixido para o exercermos, dista moito de determinar a calidade democrática e a eficacia vertebradora das institucións. Entre a monarquía belga ou a sueca e gobernos coma os de Ménem ou os dos Kitchner, na República Argentina, creo que se dan diferenzas importantes, con todo o anacrónico dunha institución e o avanzado da outra. 

Finalmente, opino que, para realizarmos unha verdadeira transformación, cómprenos unha proposta concreta e ben definida, bastante máis alá de reclamarmos un marco territorial concreto, pendente de o encher cando nolo concedan.

Entendo que a sociedade precisa un compromiso profundo na calidade da convivencia, e que se pode acadar por distintos medios. Os tempos parecen reclamar unha vontade decidida respecto do colectivo, e quen poida ofrecela con credibilidade terá moitas opcións de dirixir ese cambio imprescindible.

1. Recentemente produciuse, na Secretaría Xeral de Cultura, o cesamento de catro directoras de bibliotecas nodais, cunha certa contestación –circunscrita ao ámbito profesional bibliotecario–, pero moi lonxe do que representa unha actuación arbitraria dese calado.

2. Por suposto, teño consciencia de que a intransixencia e o abuso do poder que se produce desde outras forzas alimenta tamén este lume. Pero entendo que, no proceso que estamos a vivir, co escoramento cara a posturas restritivas da liberdade e dos dereitos, soamente nos cabe achegar o noso propio compromiso, e realizarmos internamente os cambios necesarios para, polo menos, facilitar desde as nosas posturas a convivencia pacífica e liberadora.