Continúa a saña da Administración
Esta vez vén da Seguridade Social: o ano pasado estiven tres meses de baixa por ansiedade. Os descontos ascenderon a uns 700 €. O día 2 de maio pedín unha determinación de continxencia -que a SS comprobase se o meu estado se debía a unha circunstancia laboral, o que significaría que recuperase esa perda-, e indiquei como se producira a miña ferida psicolóxica, cunha copia da denuncia por acoso laboral que presentara ante o Comité contra o Acoso Laboral da Xunta de Galicia.
Velaquí os feitos, resumidos:
No ano 2002 sufrín un expediente disciplinario -do que me sinto sumamente orgulloso- despois de negarme a escribirlle discursos políticos a un director xeral.
Cumprín 14 meses de sanción, a partir de xaneiro de 2003.
A falta de ingresos obrigoume a vender a miña vivenda, cunha rebaixa moi substancial do prezo de mercado -naquel momento, arredor dun 30%; respecto do que acadou despois, un 50%-. Á parte do dano económico, a necesidade repentina de vender o meu fogar supuxo un golpe duro para o meu ánimo.
Tamén quedei relegado a unha praza do nivel mínimo, cando tiña en propiedade outra do nivel máximo que se pode acadar por concurso de méritos.
En 2006, o expediente disciplinario quedou anulado na vía xudicial. Recuperei os salarios, pero non a vivenda, cos seus mobles e melloras realizadas co froito do meu taballo.
Nese mesmo ano solicitei reincorporarme á praza que me correspondía, pero a Xunta de Galicia, en contra do establecido na normativa, e do que sucede en casos similares, declarou que tal praza deixara de existir.
Isto supuxo para min unhas perdas engadidas de 300€ mensuais -actualmente xa suman 20.000€ os danos por esta causa-.
En 2008, a Axencia Tributaria reclamoume 8000€, porque debía tributar os ingresos recuperados dos 14 meses de sanción no ano en que se producira a sentenza pola que se me restituían.
Deste xeito, no canto de triburtar por 12 meses, tributei por 26, perdín as desgravacións dos exercicios aos que correspondían -3000€ máis- e vinme obrigado a satisfacer unha sanción doutros 2000 -malia que fixera constar que recibira eses ingresos no exercico en que os recuperei-.
A suma de danos sitúase neste momento por encima dos 100.000€, e continúa aumentando, mentres siga apartado do nivel que acadara por méritos.
O ano pasado, segundo a miña denuncia, a persoa da que dependía xerarquicamente dirixiuse a min reiteradamente nun ton tan irado como despreciativo, a partir do momento en que lle fixen ver que se estaban aplicando criterios discriminatorios nos procedementos de contratación.
Esta circunstancia fíxome revivir a situación laboral á que cheguei; as gravísimas perdas que sufrín, e a sensación de estar á mercé dos antollos de quen tivese autoridade sobre min.
A resolución da Seguridade Social ignora todos estes antecedentes; deixa fóra calquera motivo en que se poida fundamentar, e denégame, sen explicación, o meu dereito a me resarcir dos salarios que se me descontaron durante a miña baixa.
Esta vez non foron políticos ou políticas; foron funcionarias ou funcionarios. Compañeiras e compañeiros que me deixan este dano, sen ningún argumento que o poida explicar.