Muro

Lectura compartida

Texto en castellano

PDF

A lectura ofrécenos a oportunidade de cambiarmos o noso punto de vista; de sentirmos desde fóra dos nosos hábitos; de encontrarmos na nosa mente sensacións profundas, que esperaban o momento para se revelaren. Queirámolo ou non, cando lemos vivimos unha auténtica creación, aínda que esteamos ante un folleto dun electrodoméstico, a carta dun restaurante ou o regulamento dunha organización cívica. Coma as formas das nubes ou os reflexos dos cristais, cada texto espértanos formas de pensamento, vivencias, lembranzas, desexos, con meirande ou menor intensidade, segundo, entre outros factores, das expectativas que poñamos, que debuxan a nosa actitude e abren as canles polas que circula a percepción.

No entanto, todo isto refírese a unha vivencia individual. Ten unha enorme riqueza, pero a viaxe continúa e condúcenos a outros destinos valiosísimos: se o acto de ler nos revela un universo novo cada vez, compartirmos o captado produce unha simbiose de universos, que se alimentan os uns aos outros para irmos máis alá, e continuar a agrandarmos a substancia viva que recollemos. Tamén nos descobre, con meirande claridade, que papel nos asignamos na vida; que imaxe temos de nós, ou como arriscamos ou nos protexemos fronte á mirada allea, xa se trate da de persoas concretas ou do grupo, no que, en principio, só existen relacións de igualdade, incluída a man que escribise o lido.

Amais do pracer de vivirmos mundos creados cunha calidade literaria que resoa en nós, e de que desde outros ollos nos cheguen novos matices reveladores, ou de que a nosa boca transmita as súas descubertas da viaxe infinita e inmóbil, compartirmos as lecturas traenos outros agasallos fantásticos, moi útiles para nos desenvolvermos na vida e para gañarmos intensidade no aparentemente anódino, especialmente cando captamos os instantes co filtro do que nos ensinaron, dos convencementos aniñados no pasado ou daquilo que cremos desexar no futuro.

Xa no momento en que asistimos a un debate verbo dunha obra literaria, podemos comprobar que sentimos á hora de expresar as nosas ideas; que nos anima a falar, ou que nos impide facelo. Se nos sentimos a gusto cos nosos silencios ou coa nosa voz, seguimos adiante, coa convicción de que arredor comparten o que latexa en nós; se censuramos a nosa palabra, ou se nos obrigamos a intervir, podemos comprobar que nos aparta da nosa expresión libre, como nos xulgamos, ou que proxectamos sobre as outras persoas que constrúen connosco a experiencia.

Isto ensínanos a amosar a nosa verdadeira identidade; a saber que, cando a expoñemos, con todos os condicionantes que poidamos abeirar, simplemente facemos funcionar a engrenaxe que nos corresponde dun xeito fluído. E que, de nos conducir a algunha pasaxe avesía, a mesma fluidez que nos concedemos vai levarnos a unha saída grata.

Isto podemos entendelo coma un simple xogo intranscendente; pero as actividades lúdicas teñen unha propiedade moi interesante: nelas nada perdemos, e temos moito que gañar. O obradoiro de lectura, ou o faladoiro, ou a simple conversa ocasional, serven de marabillosos campos de probas para afinar un dos dons máis valiosos que posuímos: o da expresión, sobre a que toma forma a nosa consciencia, e que, no pensamento individual, carece dun factor esencial para gañar riqueza, que consiste en se facer externamente comprensible.

Podemos preparar exames, entrevistas de traballo, presentacións de proxectos, ou o que quixermos, cun coidado extremos dos detalles. Podemos afianzar cada paso cun traballo intenso, ou medir os efectos consonte outras experiencias cunha atención suma; pero todo isto funciona incriblemente mellor cando nos sentimos nunha boa compenetración co que expresamos; cando sentimos como propia a nosa voz, e a aceptamos, na seguridade de que nos abre os accesos a novas eleccións, a través dos logros que nos facilita. Se pensamos nunha persoa que ofrece a súa capacidade ante calquera tribunal de selección, dexergaremos axiña a diferenza entre levar o adestramento inocuo da lectura compartida ‒cos retornos percibidos nas palabras e nos xestos alleos‒ ou prescindir del, para fiar o resultado ao que convencionalmente aceptamos como esforzo.

A intelixencia consiste, máis ca en reunir coñecementos ‒función propia, máis ben, da memoria‒, en os mantermos nun intercambio dinámico; en os facermos comprensibles, ao tempo que abrimos a nosa mente a comprender os que veñen do exterior. Dese xeito, cando pechamos e esquecemos o libro, quédanos unha nova paisaxe para continuarmos ao futuro.