Traballador queimado
Á parte do desastre económico que pode significar calquera atropelo da Administración, tamén existe un prezo anímico desproporcionado. Persoalmente, o que vivín resúltame pesadísimo, e cústame sentir como ser humano a quen colabora nesta farsa absurda.
Durante moitos anos estiven moi ben considerado como funcionario, por entrega, calidade e capacidade de traballo. Fun como representante da Xunta de Galicia a comisións do Ministerio de Cultura e a decenas de eventos internacionais, en Europa e en América, e tamén tiven un papel clave para resolver subvencións da nosa Administración.
Con todo, sentinme transparente á hora de optar a postos de responsabilidade, mentres ao meu redor case calquera que reunise os requisitos formais ascendía tranquilamente.
Pero dóeme moito máis como algunhas persoas que se dicían amigas, e que me pedían apoio en cuestións persoais, cando atravesaban momentos delicadísimos, situáronse enfronte de min, con ameazas durísimas e descualificacións polo só feito de que eu puidese utilizar a miña liberdade de expresión para dar a coñecer a tortura á que estou sometido.
'Poden acabar contigo' ou 'Vante machucar' entraba dentro dunha mensaxe que considero infame, unido á súa disposición inequívoca a colaborar desde o seu exercicio profesional co atropelo a quen situaran nun lugar preferente da súa confianza persoal.
Desde que decidín plantarme e reivindicar con máis contundencia os dereitos que me corresponden, véxome relegado a un ostracismo case absoluto: unha carga de traballo practicamente nula e un baleiro xélido por parte dos meus superiores marcan a miña actividade laboral.
Hoxe sinto moitos síntomas de traballador queimado, cunha desmotivación tremenda, da que busco a maneira de saír, sen que saiba aínda como.
Resúltame duro vivir nestas condicións, pero síntome en paz comigo mesmo.
Paréceme insoportable, en cambio, habitar a pel de quen atenta desta forma contra a convivencia e contra a sociedade, ao axudar a converter en guano os principios dos que nos dotamos.
Sóame a marciano que alguén poida venderse por unha causa tan torpe. Con todo, manteño a fe en que saiamos disto cara a un horizonte liberador. Non se se me corresponderá a min, pero vexo algo digno máis aló de tanta torpeza evidente.