O sistema xurídico funciona cando convén
Os poderes públicos parecen ter un concepto moi peculiar do ser humano. Máis alá de esquerdas ou de dereitas, de tirios ou troianos ‒nesta cuestión parece darse unha unanimidade digna de mellor causa‒, á hora de resolveren situacións importantes para a vida das persoas, quizabes nos consideran nunha especie de letargo hibernante, mentres debullan asuntos que, cun mínimo de intelixencia e de atención, ocuparían pouco máis alá de media hora.
Digo isto por experiencia propia, como funcionario e como afectado por esa parálise, que aparece especialmente cada vez que a Administración se ve na necesidade de rectificar un erro. Por unha parte, nos 38 anos de carreira administrativa que levo, vin centos de informes quilométricos, que, pola súa extensión, xustifican meses de traballo pero, no fondo, calcan en máis do 90% outros documentos da mesma natureza, sentenzas ou, se cumprir, a Wikipedia do A ao Z. Teñen, amais, a curiosa característica de que, cando as circunstancias obxectivas así o aconsellan, a conclusión se toma antes de empezar a análise dos datos. E unha amizade, unha simpatía ou unha afinidade poden entrar dentro desa obxectividade evidente.
No plano persoal, hai un ano, presentei unha denuncia por acoso laboral, por unha situación que me leva producidas unhas perdas por encima dos 100.000€ ‒incluída a venda do inmoble onde tiña o meu fogar, nunhas condicións moi precarias, que só me permitiron recuperar un 60% do seu valor de mercado‒, amais de episodios de profunda ansiedade, á vista de que a lei se convertía en auga choca e as garantías de estabilidade no posto de traballo quedaban supeditadas ao antollo de calquera autoridade antisistema ‒a meirande parte, por certo‒.
Un ano despois, sigo a esperar, máis alá de que a Xunta de Galicia atenda o meu caso e de que me ofreza unha explicación satisfactoria ou unha reparación, que se poña de acordo consigo mesma; que indique a través de calquera norma cando se poden violar as garantías xurídicas das persoas, ou cando cohabitan estruturas legais paralelas, aplicables á conveniencia de quen sabe quen.
Ou, máis claramente, que manifeste que o sistema xurídico soamente funciona cando respecta a arbitrariedade, o autoritarismo e as represalias alegais.
Teño a sensación de que as nosas autoridades dedican moito máis tempo e enerxía a contar o ben que funcionan as cousas ca a que funcionen de verdade.