Chanzos

 

 

 

 

O tempo necesario

Texto en castellano

PDF

Creo nun mesmo ceo para toda a humanidade. Nun planeta onde o pulso das veas teña o mesmo valor en cada punto; onde os ollos poidan mirar con confianza cando dexerguen un semellante. Creo na intelixencia como capacidade para comprender os dereitos e as necesidades propios en función do equilibrio verbo de quen nos rodean, e no lume como unha forma compartida de xerarmos benestar. Vexo os recursos dispostos para esa nova era; a consciencia xa en fase para abrir vías de comunicación entre unha infinidade de mentes que xa coñecen a onde queremos ir colectivamente, malia non sabermos aínda como nos trasladarmos a ese novo tempo de paz, cos seus problemas, pero libres de vellas enerxías que os alimenten dun xeito artificial.

Se miramos atrás, a nosa historia vén marcada pola forza bruta como un recurso natural para gañarmos calidade de vida; se miramos diante, albiscamos nalgún punto como a concordia logra uns efectos infinitamente máis grandes e valiosos: construír no canto de disputar; sentir, no canto de reaccionar mecanicamente.

Creo que soamente resulta viable un mundo onde cada persoa se sinta plenamente no seu fogar; onde cada muller e cada home teña algo valiosísimo que conservar, e poña a súa atención en legalo acrecentado ao futuro.

Aínda as grandes causas serven como bandeiras de discordia; aínda as crenzas limitan a riqueza da diferenza de criterio, de sentimentos ou de emocións. Hai espazo abondo para todas as posibilidades construtivas, pero redúcese drasticamente cando confundimos o noso punto de vista coa verdade absoluta. E moito máis cando debaixo dos nosos axiomas innegociables agochamos intereses alleos á filantropía que cremos abeirar, no suposto de que o asunto vaia máis aló de usala como un edulcorante das nosas intencións para nos presentarmos ante as miradas alleas.

Posiblemente soberanismo e non soberanismo carezan de sentido cando o perdan as fronteiras, e as identidades colectivas poidan manifestarse nun novo ambiente de aceptación e de recoñecemento; posiblemente as emerxencias humanitarias deixen de funcionar como arietes para asaltar gobernos, e posiblemente os muros ‒de formigón, de armamento, de recursos económicos‒ se convertan en simples espazos de calma e sombra onde se acubillen as conversas tranquilas, no canto de xeraren rabia, violencia e negocios co tráfico de vidas.

Hai un futuro preto, e o tempo necesario para o construírmos.

Pero non moito máis.