Perchas

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Ramón Grosfoguel e a inmunidade ética da esquerda

Versión en castellano

PDF

Dentro desta camapaña electoral permanente na que vivimos, asistín o sábado pasado a un encontro cun sociólogo de prestixio. Viña para apoiar unha opción política soberanista e de esquerdas e, supoño que por respecto á tradición, esgrimiu uns argumentos de ánimo exentos da máis mínima fisura. Tratábase de Ramón Grosfoguel, que viña arroupar a candidatura europea de Ana Miranda, e manifestaba que, por suposto, a única forza capaz de frear o fascismo se atopaba no soberanismo de esquerdas. Fixo un repaso das outras opcións, de babor e de estribor, e en todas atopaba razóns, para el moi sólidas, que as descualificaban para o camiño da emancipación do ser humano a través da liberdade e da democracia.

Lonxe de entrar a discutir as eivas presuntamente evidentes das alternativas que manexamos desde a cidadanía, tiven, no entanto, a sensación de me atopar ante unha figura troquelada, onde o defendido se definía só por contraste coa contorna ideolóxica, e quedaba no tinteiro a descrición concreta da proposta, reducida a un enigmático baleiro. Nun primeiro momento ‒como simple hipótese de análise‒ aceptei que a dereita no seu conxunto, amais da esquerda de ámbito estatal, significaban a continuidade do franquismo e do poder troglodita dun sistema patriarcal opresor. Para min equivalía a pór a Constitución á altura das Leyes fundamentales del Reino e considerar nulos os principios que diferencian o primeiro do segundo texto legal, pero isto, no espazo experimental da mente, carece de transcendencia.

Obviado ese obstáculo, víñame a seguinte pregunta: por que os postulados teóricos da esquerda constitúen en por si un escudo infranqueable fronte a unha práctica do poder despótica, corrupta ou incívica? Por que unha retórica concreta conduce inexorablemente á excelsa virtude de gobernantes intachables? Cos meus reparos e discrepancias verbo do que manifestara Ana Miranda, si puiden recoñecer nela un sentido práctico do seu papel como parlamentaria en Europa; a dimensión concreta do seu traballo e un interese fondo por chegar a resultados palpables.

Con Grosfoguel, en cambio, resultábame difícil atopar o verdadeiro fío, polo que lle preguntei no coloquio por que unha distribución territorial do poder representaba a panacea, mentres outra constituía un caldo de cultivo idóneo para o peor dos virus que poden contaminar a vida política. A resposta consistiu, en síntese, en que en todo momento subliñara a condición de 'de esquerdas', respecto do soberanismo, e que este apelido imprescindible inmunizaba completamente a onda chamada a transformar o mundo.

O coloquio non daba para entrar nunha discusión profunda, polo que deixei a cousa así, simplemente para que outras persoas puidesen tamén tomar a palabra. Ora ben, chegado este momento, si creo necesario aclarar un pouco as ideas, polo menos para min mesmo, e quizabes para que quen chegue a ler isto sinta algunha compaña nas súas propias reticencias.

Hai máis de corenta anos, sen constitución aínda, fun militante clandestino de esquerdas. Despois pasei en distintas fases por organizacións nacionalistas ou soberanistas, e durei moi pouco en cada etapa. En todas as oportunidades escoitei a mesma ladaíña: 'só nós temos a verdade absoluta'; 'calquera postura allea significa unha traizón irreparable ao pobo'. Vivín tamén na Administración dous gobernos, en teoría, de progreso, ambos trufados co daquela nacionalismo, e en ambos vin despotismo, comisariados políticos, paranoias conspirativas, manipulacións contables, arbitrariedade, transgresións e canto queiramos imaxinar, exceptuada a tortura física.

Comprendo que nos comezos do século pasado, ata, como moito, a República, podía ter algún fundamento esa convicción dunha esquerda libre do pecado orixinal; quizabes, no inicio da transición ‒xa con algo de bendita inocencia e de magnífica vontade‒ tamén poderiamos manternos na crenza. Pero con centos de anos de poder exercido polas esquerdas en distintas partes do mundo, e de experiencias políticas concretas na nosa contorna inmediata, paréceme dunha inxenuidade proverbial soster que haxa discursos ou etiquetas que abeiren exclusivamente individuos intachables.

Pola miña parte, paréceme tan ben o soberanismo coma o constitucionalismo estatalista. Simplemente pídolle ao primeiro que nos ofreza un proxecto no que poidamos coordinar o ente territorial que resulte cos restantes ao redor, para sobrevivir nun mundo non só de grandes potencias, senón de inmensas forzas transnacionais que actúan con fins concretos. Estados Unidos, Rusia ou China, por unha parte; os grupos que controlan a enerxía, a economía ou a tecnoloxía, por outro.

Ao centralismo pídolle que respecte a identidade plural que lle dá sentido, e a ambos, que actúen cun criterio amplo sobre o obxecto de goberno.

Creo que estamos nun tempo no que podemos desprendernos de obrigas por fidelidade a unhas siglas ou a unhas consignas; desde a cidadanía podemos afiliarnos a güelfos ou a xibelinos, pero temos dereito a expresar as nosas discrepancias, a consultar as nosas dúbidas e a ver o rei espido, se cadrar. Tamén a orientar o noso voto consonte o que sentimos, para llo entregarmos á opción política que máis nos convenza en cada caso, aínda que, en conxunto, apostemos por unha vía distinta.

Desviándome do predicado por Ramón Grosfoguel, creo que só os principios nos liberan do fascismo. Do que exercen as dereitas e as esquerdas; os soberanismos e os centralismos.

A ética e a calidade profesional no goberno ‒igual ca o despotismo ou a arbitrariedade‒ carecen de filiación concreta.