Cabo Vilánw

 

O BNG leva a Lei de IRPF ao Parlamento de Galicia

Por fin unha organización política asume a defensa das persoas que vivimos do noso traballo fronte á anomalía da Lei tributaria. O 25 de xuño pasado, o BNG presentou ante o Parlamento de Galicia unha proposición non de lei, na que pon de manifesto a inxustiza que comete a Administración tributaria ao esixir que declaremos as rendas recuperadas pola vía xudicial no exercicio en que se fan efectivas.

Isto supón un aumento desproporcionado da base impoñible, que dispara a cota correspondente, amais de anular as desgravacións que poderían corresponderlle á persoa afectada.

A iniciativa do BNG leva a que se pronuncien formalmente as outras forzas políticas representadas na cámara galega -PP, PSOE, En Marea e os catro membros do Grupo Mixto-, e mesmo a que o goberno autonómico se defina respecto da necesidade de intervención neste asunto.

Non o pode facer directamente, pero si, como indica a proposición do BNG, instar os órganos de goberno do Estado para que corrixan esta disfunción anacrónica e incompatible cunha sociedade de dereitos cívicos.