Catedral en obras

Versión en castellano

PDF

 

 

 

 

 

 

 

Despedida en Cuelgamuros

Chora o caudillo na despedida. Afástase definitivamente dos cadáveres sobre os que se alzou o seu poder; dos ósos espidos que lle deron longa gloria nos anos que sentou na máis nobre cadeira que os seus dominios posuían; nunha nobreza luxada e desprezada, pero disfrazada cun verbo irrefutable, pola forza do chumbo e do ferro sometidos. Alá quedan milleiros e milleiros de mortos que o conduciron aos palios e aos palacios; seres que viviron para lle entregar unha autoridade de lume e de metralla, que consumiu e se incrustou na carne ata o día derradeiro da súa encarnación mortal, aquela coa que escribiu cunha tinta desgrazada unha longa páxina da historia.

Os bárbaros esfolábanse sen lei e as leis clamaban no deserto, promulgadas a beneficio de inventario. O máis bruto gañou a impunidade, pero entregáranlla en bandexa as hordas infames da inconsciencia; as que facían a revolución polos seus santos narices, ou enarboraban a liberdade como pretexto para descargaren o látego sobre o lombo de quen cre que posúe algo devecido, ou de quen viste un papel proscrito, condenado desde o antollo dunha mente sen escrúpulos. Sobre tal miseria trepou ata as máis cobizadas billas do sangue; ata as espitas que colmaron a súa sede de vinganza contra tanto miserable como quixo agochar a súa existencia da ira desatada do vencedor incontestable.

Chorou sen corpo e sen alma. Chorou máis ca cando a excomuñón pairou cabo dos seus apousentos; cando os designios do Señor ameazaron con situar o adaíl da cristiandade fóra da súa igrexa. A mesma autoridade divina, coa que asinara concordatos e que mirara cara a outro lado cando a cruzada se tinguía dun vermello sucio nas cloacas do espírito, negáballe daquela a luz, cando un irredento prócer entorpecía o brillo da súa causa. E aquela porcaría enchoupada de defuntos tampouco se lavaba coa memoria dos conventos asaltados, os templos profanados e a curia axustizada. Non; esa auga tiña o seu propio lixo, inmenso e desprezable ata a pinga derradeira, pero o xeneralísimo soamente se ocupou de a sumar á súa peaña, para se empoleirar el sobre tanta imparable estupidez como abeirou a pel de toro nos seus horrendos anos de demencia.

Alá quedan infinidade de mortos anónimos; de vísceras incorporadas á inmensa masa putrefacta. Moitas coa súa propia demencia asasina, dun e doutro lado; outras, co único pecado de defenderen un día a porta do seu ser, ou aspiraren aínda a un aire libre, con gobernos capaces de pór unha pinga sensible na casa común daquelas mulleres e daqueles homes, que viran chegar en palabras o que os feitos negaban e acoitelaban sen piedade.

Alá vai o caudillo co seu féretro e as súas bágoas; alá a fosa abre as súas fauces para vomitar de súpeto unha lembranza fedenta. Unha peste que chama a outra paisaxe, onde o punto final dunha lóxica empezoñada permita dexergar con ollos limpos o futuro.

Hoxe, na miña torpeza, recoñézoa, para transmutar cara á razón aquel mal soño.

Carlos Arias