Candidato nun partido minúsculo

Con Clara Panella e Cristian Castrillón nas eleccións ao Parlamento Europeo

Recoñezo abertamente que hai tempo que me apetece actuar en política. Estiven como militante de base nalgunhas organizacións relevantes, pero, nas tres últimas tentativas, a decepción levoume a abandonar os respectivos proxectos. Non porque non conseguise protagonismo –non o pretendía, dado que había competencia abonda–, senón pola imposibilidade de participar nun debate respecto de liñas estratéxicas, propostas de acción ou enfoque práctico das posibilidades. Organizacións de esquerdas, moi democráticas, pero nas que nada se movía fóra das decisións de cúpulas refractarias a calquera intervención da plebe.

Vinme para Volt e atopei as vantaxes dun partido case microscópico: todo funciona en aberto. As decisións, a selección de persoas para postos, a orientación e calquera detalle que se nos ocorra pode someterse a debate e buscar maiorías ou consensos.

Á parte disto, atopei algo moi importante para min: Volt está libre de ideoloxías. Móvese por pragmatismo, sen necesidade de adaptarse a dogmas ou a prexuízos en grande escala. Creo que con isto gaña a suficiente flexibilidade como para adaptarse rapidamente a situacións. Guíanos, por suposto, un afán polo desenvolvemento da convivencia, cun lugar para todas as persoas, pero podemos evitar os imposibles, por moi desexados que os vexamos.

Creo que fan moita falta estas sementes. Que medren ou non depende de moitos factores, non sempre controlables, pero que saian alternativas, por pouco percorrido que teñan, creo que lle fai moita falta a unha democracia na que só parecen contar elites reducidas e intereses particulares que se nos venden como colectivos.

Carlos Arias

O día 9 estarei nas papeletas, con persoas coma Clara Panella e Cristian Castrillón, que encabezan a lista coa súa xuventude e as súas ganas de traer aire fresco. Cun grupo que quere darlle verdadeiro sentido democrático a algo que necesita saír do simple formalismo.

Suceda o que suceda, síntome parte de algo que busca a autenticidade.